TODO O QUE NECESITAS SABER
Venga esfórzase cada día por combater a ciberdelincuencia e a fraude e protexerte tanto como sexa posible. Usamos ferramentas de supervisión e control de transaccións, verificación de identidade, comprobacións de seguridade de dispositivos e contas, análise da blockchain e outras medidas de prevención da fraude baseadas no risco para detectar e previr a fraude e o branqueo de capitais. Aquí tes respostas a algunhas preguntas frecuentes sobre a fraude e como podes evitar que che afecte.
Prevención de estafas
Que é unha estafa?
Unha estafa é un engano co que conseguen que envíes diñeiro ou activos dixitais (como criptomoedas) a un estafador, que despois queda con eles. Os estafadores poden facerse pasar por persoas e organizacións nas que confías, utilizando documentos, correos electrónicos, chamadas e mensaxes que parecen auténticos. Poden pedirche que descargues apps ou que te rexistres en sitios web especializados en investimentos. Moitas vítimas son contactadas por estafadores a través de grupos de investimento, trading ou chats en WhatsApp, Telegram ou Signal. Moitas estafas prometen rendibilidades de investimento excesivamente altas ou aseguran facilitar o acceso a oportunidades de investimento que non están ao alcance do público xeral.
Estafáronme e na transacción aparecen os datos de Venga. Que debo facer?
Se cres que fuches vítima dunha fraude ou estafa, recomendámosche encarecidamente que informes inmediatamente o teu banco ou entidade financeira. Quizais poidan recuperar o pagamento. Tamén debes denunciar calquera posible fraude ou estafa ás autoridades locais e avisarnos directamente. Se queres informarnos da posible fraude, contacta connosco en [email protected].
Púxose en contacto comigo alguén que afirma representar Venga. Como sei se esta comunicación é lexítima?
Verifica a procedencia: as comunicacións oficiais de Venga só se enviarán desde os nosos dominios oficiais de correo electrónico:
- @hello.venga.com
- @venga.com
- @accounts.venga.com
Recomendámosche que teñas precaución e verifiques a identidade do remitente antes de responder a calquera comunicación que asegure proceder de nós.
Nunca che pediremos que:
- Deas o teu contrasinal nin os códigos dun só uso.
- Compartas as túas credenciais de acceso.
- Proporciones información confidencial nas redes sociais.
- Transfiras diñeiro a unha «conta segura».
- Transfiras diñeiro ou activos para «fins de verificación».
Como podo identificar unha estafa?
Os estafadores empregan diversas tácticas:
- Crean sensación de urxencia: queren apremarte para que actúes con rapidez, por exemplo, dicindo que unha oferta é limitada ou que o pagamento é inmediato.
- Prometen grandes rendementos: ofrecen beneficios inusualmente altos ou garantidos, a miúdo relacionados con criptomoedas, criptomoedas estables, intelixencia artificial, «trading algorítmico» ou outros produtos complexos ou de moda.
- Suplantan persoas de confianza: fanse pasar por bancos, reguladores, compañeiros, amigos ou empregados de empresas.
- Queren gañar a túa confianza co tempo: usan redes sociais, aplicacións de mensaxería ou chats de grupo para crear unha relación contigo antes de ofrecerche oportunidades de investimento ou pedirche diñeiro.
- Recorren á manipulación emocional: aproveitan as relacións persoais (como nas estafas románticas), inventando emerxencias, problemas económicos ou oportunidades de investimento para conseguir que fagas pagamentos.
- Ofrecen oportunidades exclusivas: afirman que as oportunidades son «só por invitación» ou están dispoñibles para un grupo reducido.
- Parecen profesionais: empregan webs, contratos, apps ou documentos profesionais para dar unha aparencia de lexitimidade.
- Desvían os pagamentos: pediranche que transfiras fondos a unha conta nova ou distinta, ás veces con urxencia, dicindo que é por motivos de seguridade, eficiencia ou cumprimento normativo.
- Empregan unha linguaxe complexa: usan demasiados termos técnicos ou explicacións complexas (como estratexias de trading ou infraestrutura cripto) para gañar credibilidade e evitar preguntas.
- Cada vez piden máis diñeiro: queren que invistas cantidades cada vez maiores, normalmente mostrando primeiro «beneficios» falsos.
Como podes protexerte das estafas?
- Ten coidado: desconfía das ofertas que prometen ganancias garantidas ou «facerse rico rapidamente».
- Non teñas présa: se te apreman para actuar de inmediato, detente e verifica a solicitude antes de continuar.
- Comproba quen son: investiga as empresas ou persoas antes de enviarlles diñeiro. Busca fontes públicas e opinións, e comproba con atención os enderezos electrónicos, os números de teléfono e os dominios web para detectar incoherencias, erros ortográficos ou calquera cousa sospeitosa.
- Verifica a licenza: consulta o rexistro local de servizos financeiros para comprobar se a empresa está autorizada.
- Protexe a túa información persoal: non compartas datos persoais nin documentos de identidade con persoas que só coñeces en liña.
- Non perdas o control das túas contas: non deixes que ninguén abra ou xestione por ti contas de pagamento ou carteiras de criptomoedas sen verificar antes que é quen di ser.
- Evita que accedan remotamente: non instales programas de acceso remoto que dean a descoñecidos acceso e control sobre o teu dispositivo ou as túas contas financeiras.
- Opera só con contrapartes coñecidas: ten coidado ao enviar diñeiro ou criptomoedas a persoas que só coñeces por Internet, tamén a través das redes sociais, aplicacións de mensaxería ou chats de grupo.
- Revisa as solicitudes de pagamento: desconfía das peticións inesperadas de diñeiro ou cambios nos datos de pagamento, especialmente se cambian a forma habitual de pagar.
- Presta atención ás estafas de recuperación: se te estafan, poden facerse pasar por persoas que poden recuperar o diñeiro ou activos dixitais perdidos se lles pagas por adiantado.
- Recoñece a presión emocional: poden utilizar o romance, as emerxencias ou as dificultades persoais para influír nas túas decisións.
- Comunícate por vías seguras: non premas en ligazóns nin descargues anexos de mensaxes inesperadas, especialmente se che piden pagamentos, datos persoais ou datos de acceso.
- Pide axuda: se tes dúbidas, fala con alguén no que confíes ou contacta coa organización directamente usando datos de contacto verificados.
- Revisa as transaccións detalladamente: comproba ben os datos de pagamento antes de enviar fondos, sobre todo nas primeiras operacións ou nas de gran importe.